11 setembro 2008

PORGAL

No ano de 1973, n’O Dia das Letras Galegas, foi homenageado:
MANUEL LAGO GONZÁLEZ (1865-1925)
O Derradeiro Celta
Chega onda cerca do castro,
mira pra o fondo do val,
finca na parede o codo,
deita a cabeza na man,
e namentras que coa outra
arrincando musgue está,
pensatible, triste e morno,
así se pon a falar:

- Alá van os nosos eidos,
a miña casa alá vai;
xa me mataron os fillos,
matáronme a muller xa;
morreron os nosos homes
que souperon pelexar,
morréronnos os druidas
servidores de Teutás,
e matáronnos as virxes
que andaba ao pé do altar
ca fouce de ouro no cinto
i a vara verde na man.
Xa queimaron a devesa
Consagrada á soledá...

Ai! Cando funguen os ventos
nas polas do castañal
xa non ruxirán as armas
que alí tiñan nosos pais...!

Donde fixemos fogueiras
os carrascos nacerán,
e no dolmen en que ibamos
de noite a sacrificar,
criaránse herbas e toxos
i os mouchos aniñarán...
Cobrirán silvas i adreiras
as pedras do noso lar,
e sobre as mámoas dos mortos
xente allea pasará...
Cando se mova o penedo
que está na veira do mar
xa non irá xente nosa
con ofrendas a Teutás,
Ai! De todo o que nós temos
nin migallas quedarán...!

Así dixo o vello, e séntase,
cravando os ollos no chan.
E ao pé do castro que as brétemas
da noite cubrindo van,
tamén de loito cuberto
maxinando tanto mal,
soliño, entre as negras ruinas,
sóltase, o probe, a chorar!
(En Lembranza de Lago González, 1973)

Sem comentários: